1ª Acta Acultural

@s soci@s xa podedes acceder á acta da asemblea acultural de 1 de xuño de 2008 através do grupo de google! ou aquí mesmiño:

Iº Asemblea Xeral da Asociación A Cultural

A día 1 de xuño de 2008 reúnese por vez primeira a Asemblea Xeral de a Cultural. A primeira convocatoria (20:00h) non foi suficiente para acadar quórum, polo que se agardou a unha segunda convocatoria (20:30h) e se trasladou @s soci@s presentes ó interior da sé nacional (Bar O´Eirociño) co obxectivo de integrar na asemblea ós socios que alí traballan. Nun primeiro e improvisado punto do día pedíronse varias consumicións e unha “hamburguesa con amor”, tras o cal se deu inicio á Iº Asemblea Xeral da Asociación A Cultural.

Iniciouse cun repaso d@s soci@s inscrit@s ata ese mesmo día, aproveitando o momento para facer reconto dos presentes e compobar que había quórum.

Acto seguido saltámonos a orde do día e imos directamente ó que interesa: os cartos. A tesoreira fai relación das contas da asociación, de saldo moi positivo (se queredes que vos diga a verdade non me acordo de cantos euros temos, pero son un porrón), e aproveita para dar a voces os nomes dos morosos. Hai que facer constar que neste punto houbo varios gritos en contra do secretario, que debe dous meses.

Tras asuntos tan tediosos como os anteriores foi recibido con alegría o seguinte punto: a proposta de acordos, actividades e demais familiares.

Nos, @s soci@s de A Cultural reunidos en asemblea, acordamos:

- Cesar inmediatamente os ataques verbais e as solicitudes de dimisión dirixidos á directiva. Esta moratoria terá unha duración de seis meses, a contar dende o 1 de xuño.

- Iniciar a elaboración dun Regulamento de Réxime Interno. Acórdase remitir a tod@ @s soci@s un borrador do mesmo para poder realizar as aportacións e modificacións que cada quen considere pertinentes. Dito regulamento será sometido a votación na vindeira asamblea.

- Editar un “manifesto” que recolla os principios desta nosa asociación e que tod@s @s soci@s acepten. A elaboración dos “principios” seguirá un proceso similar ó regulamento de réxime interno.

- Dar aviso a tod@s @s soci@s para que poñan ó día as súas contas coa asociación. En palabras da tesoreira: pagade, cona!

En canto á proposta de actividades, moitas foron as presentadas pero so algunhas as elixidas:

- Torneo de Billarda: apróbase a realización dunha xornada de billarda que inclúe unha parte de taller, actividades de aprendizaxe e unha competición. Basicamente o que se pretende é aprender o xogo popular galego da billarda, merendar todos xuntos e pasalo ben. Acórdase falar coa AA.VV Os Montes para preguntar pola disponibilidade das súas instalacions e material e artellar a actividade a partir do que nos digan. O compañeiro Santi presentou un proxecto para a elaboración de trofeos especiais para calquer competición organizada por A Cultural que a asemblea (como non) aprobou por aclamación.

- Proxecciónde videos do youtube: acórdase organizar unha proxección de videos escollidos pol@s soci@s. Tod@ soci@ que quixer participar deberá enviar unha ligazón do video youtube escollido e, comprobando que non incumpre lei algunha, engadiráse á lista de videos para facer unha proxección pública dos mesmos. O lugar do acto (preferiblemente un espazo público da cidade) e a data aínda están por determinar.

- Iª Xuntanza Acultural: acórdase realizar unha xuntanza acultural de confraternización. O acto plantéxase como unha verbena-festa popular na rúa (ou sexa, pasalo ben), e para organizala acórdase crear grupos de traballo voluntarios que acheguen propostas lúdicas. Cada grupo terá total autonomía para levar a cabo a súa proposta. Remitiráse a formación dos grupos de traballo para que os que desexen participar asi o fixer.

- Cadea de reciclaxe: acórdase iniciar unha cadea de reutilización de material e obxetos entre aculturais. Calquera que teña algún obxeto ou material que vaia rexeitar (libro, roupa, ferramenta, ou o que for) pode comuncialo através do grupo gmail ou do foro por se outr@ soci@ está interesad@ na súa reutilización.

- Charanga acultural: dada a incapacidade musical da maioría d@s soci@s aculturais desestimouse a creación dun gurpo musical festeiro, pero aprobouse promover a creación dun grupo de traballo para desenvolver a idea. Tod@s aquel@s que o desexen non teñen máis que contactar co excelentísimo presidente.

- OurenseVISIÓN: acórdase reforzar a promoción da actividade. Vanse imprimir máis carteis, así que tod@ soci@ que o desexe pode solicitalos á directiva para colgalos no seu local de traballo, portal ou bar favorito. Ademais vaise enviar un correo electrónico explicando todo o asunto para que o distribuamos e se recomenda sacar o tema en calquer conversación.

- Churrascada popular: adíase a proposta de churrascada ata a vindeira asemblea. A intención desta prórroga é conseguir darlle á proposta un contido máis acultural. Prégase @s soci@s que pensen na excusa ideal para celebrar a churrascada.

- FESTA TEMÁTICA ACULTURAL Sabado 7 de xuño, no Eirociño a partir das 22:00hrs. Festa para Soci@s + 1ou2 acompañantes. Cada Soci@ e acompañante traerá algo para picar en común. Ata o xoves poden apresentarse propostas para a temática da festa.

Chegamos por fin ó último punto da orde do día co suxerente nome de varios. É o momento dos rogos, as preguntas, as broncas e os bailes de salón:

-Acórdase incluir nas convocatorias de asamblea un lugar e unha hora concretos. Estas convocatorias están á vista de todo aquel que entre na páxina de ACultural, sección blog (si ho, á dereita nun cadriño, clicades ahí e xa sae todo).

- Acórdase elaborar chapas para @s soci@s nas que se inclúan nome, numero de soci@ e o logo da asociación. A primeira vai de balde, pero en caso de roubo/perda a chapa de reposto deberá ser reembolsada á asociación.

-Acórdase amosar os modelos de chapas na páxina, sección fotos, para que tod@ aquel que o desexe poda escoller o modelo que máis lle guste e solicitar unha.

-Acórdase abrir un prazo para a presentación de deseños de camisolas co animo de escoller un modelo e editar unha camisola acultural. Os deseños deberán ser postos en coñecemento da directiva para poder exhibilos na páxina e, tras un tempo de exposición, ser sometidos a votación.

- Acórdase aproveitar ó máximo os recursos naturais do planeta, promovendo o uso de papel reciclado e aproveitandoo ó máximo á hora de facer os carteis, folletos, etc…

-A compañeira Patricia pon á disposición de ACultural os recursos gráficos dos que dispón. É dicir, que a partir de agora temos outro xeito de imprimir a cartelería de balde. Ben por Patri!

Isto foi todo. E para que conste ante o Estado e ante Deus, firma o secretario

Ourense, a día tal de cual de 2008.

Aínda non hai comentarios

Aínda non hai comentarios.

Comentarios RSS Identificador de URI de seguimento

Deixa un comentario