Principios e Obxetivos

¿Quen dí qué é a cultura? ¿Quen decide onde se pode ou non “expor” a cultura? ¿Quen define os modelos culturais? acultural é un espazo alternativo que fuxe de interpretacións culturais impostas. Negamos a potestade do sistema para definir, etiquetar e controlar a “cultura” e os seus circuitos de distribución predefinindo e marcándonos qué debemos entender por arte ou expresión artística.

Reclamamos todos os espazos vitais como espazos de difusión cultural, a cultura pode e debe tomar as rúas, os parques, os bares, as tendas, as festas, as actividades de lecer, o traballo e, por riba de todo, as nosas vidas. Reivindicamos o lecer como outra das aristas da cultura, da nosa cultura! E como outra canle de difusión de actvidades culturais e expresión artística.

Trasladar á sociedade a necesidade de autoorganizarnos e ser nós quen definamos os nosos modelos culturais, quen constrúa as nosas alternativas de lecer e quen tome a responsabilidade de crear cultura sen agardar a que os gurús mediáticos nos digan qué o é ou quen a fai. Somos nós quen criamos, difundimos e enriquecemos a cultura e non temos por qué empregar os meios do sistema para facelo!

Reivindicamos a Autoxestión cultural como meio de difusión e creación social. Entendemos a cultura como un espazo aberto á participación de toda@s fuxindo dos artistas oficiais acomodados que viven da súa propia autopromoción. Imos dotar ás actividades de lecer dun contido cultural que nos faga participar e criar a un tempo unha alternativa lúdica na cidade.

¿Cómo concretaremos isto? En roteiros, visitas culturais a espazos que escapen do circuito de museo-turismo imposto (cidades, vilas significativas), exposicións en espazos abertos, a rúa como referente, música ao vivo, recuperación de actividades culturais tradicionais, palestras abertas en espazos distintos: en parques, na alameda, nas rúas, nas escaleiras da catedral, alí onde esté a xente é que está a cultura.

Aínda non hai comentarios

Aínda non hai comentarios.

Comentarios RSS Identificador de URI de seguimento

Deixa un comentario